Se estás a buscar información sobre o Concello de Cee, tamén poden interesarche outras seccións:

Actualidade

O día a día do Concello con novas e unha axenda de acontecementos.

Directorio

Poderás ver os servicios esenciais de Cee, un listado de empresas e asociacións e un listado de contactos no propio Concello.

Documentos

Nesta sección podes descargarte impresos e documentos de utilidade.

Áreas de Goberno

Visita esta sección se queres saber máis do Servicio Municipal de Deportes, da Área de Educación, Cultura e Xuventude e os Servicios Sociais do Concello de Cee.

 

As Parroquias do Concello de Cee

A Ameixenda

Segundo os datos do Padrón Municipal actualizados no mes de xaneiro de 2009, esta parroquia conta con 554 habitantes repartidos en cinco entidades de poboación: Caneliñas, Castelo do Príncipe, Gures, A Igrexa e Lamas.

Situada no sur do Concello, conta con paraxes naturais de gran beleza paixasística sendo aconsellable a visita á zona de Caneliñas, lugar de emprazamento da antiga baleeira.

Tamén nesta parroquia está situado o Castelo do Príncipe, hoxe residencia privada, sen esquecernos da Igrexa de Santiago na que, segundo a tradición, se conserva a reliquia dun dos dedos maimiños do Apóstolo. Os datos escritos máis antigos referentes a esta igrexa son do século XVI, se ben foi no século XVIII cando a mesma experimentou diversas reformas ata acadar o seu aspecto externo actual.

Brens

Segundo os datos do Padrón Municipal actualizados no mes de xaneiro de 2009, esta parroquia conta con 1065 habitantes repartidos en seis entidades de poboación: Berroxe, Camiños Chans, Fadibón, A Grixa, Pontella e Raso.

Esta parroquia sufriu unha profunda transformación nos últimos cen anos coicidindo co asentamento dunha fábrica, primeiro de carburo de calcio, hoxe de ferroaleacións, unha das empresas punteiras no seu sector. Está prevista a ampliación do peirao de Brens que pasará a ser, por capacidade, un dos máis importantes de Galicia. Na actualidade, este peirao xa acolle a un dos máis modernos buques de salvamento marítimo, o "Don Inda".

Finalmente, lembrar que dentro do patrimonio artístico desta parroquia contamos coa Igrexa de Santa Eulalia, de estilo barroco. Destaca no seu interior o retablo maior vinculado, pola súa decoración, cos afamados artistas composteláns Casas e Novoa e Simón Rodríguez.

Cee

Mapa das parroquias de Cee

Descárgao en jpg (352 Kb)

A parroquia de Santa María da Xunqueira, na que se enclava a capital e núcleo urbano do Concello, conta, segundo os datos do Padrón Municipal con 4255 habitantes repartidos en oito entidades de poboación: A Granxa, Escabanas, Lagarteira, Pallares, Raíces, O Son, Xallas (todas elas de carácter semi-urbano), e a vila de Cee.

 Pouco podemos engadir ao xa comentado noutros apartados, simplemente reafirmar o papel de Cee como cabeceira comarcal e lugar de encontro para todos dada a variedade e importancia dos servicios que ofrece na actualidade a veciños e visitantes.

Lires

Ría de Lires

Segundo os datos do Padrón Municipal actualizados no mes de xaneiro de 2009, esta parroquia conta con 450 habitantes repartidos en sete entidades de poboación: Canosa, A Lagoa, Lires, Ponte Nova, Porcar, Ruibo e Tedín.

Parroquia de carácter agrícola conta cunha das piscifactorías máis importantes de España no que se refire á produción de troitas. O río Castro remata nela o seu percorrido formando o límite do Concello de Cee co de Muxía. Foi pioneira no turismo rural, contando na actualidade con varios establecementos deste tipo.

A Pereiriña

Segundo os datos do Padrón Municipal actualizados no mes de xaneiro de 2009, esta parroquia conta con 850 habitantes repartidos en trece entidades de poboación: Bedán, Bermún, Cantorna, Cavado,Chafaris, Codesos, Duei, Lobelos, Morancelle, A Pereira, San Xián, San Xosé e Vilanova.

Parroquia predominantemente agrícola e forestal pola que os peregrinos fan a súa entrada ás terras ceenses no seu camiñar cara o fin da terra. No alto de San Pedro aínda se conserva unha pequena capela adicada a este mártir cristián e que conta nas proximidades cunha fonte de augas milagreiras. No campo anexo á mesma celébrase á romaxe ó santo no domingo seguinte á festividade da Ascensión.

Lembrar finalmente que nesta parroquia está emprazado o Parque Comarcal de Bombeiros que cubre as necesidades de boa parte da Costa da Morte.

 

Toba

Igrexa de Toba

Segundo os datos do Padrón Municipal actualizados no mes de xaneiro de 2009, esta parroquia conta con 677 habitantes repartidos en oito entidades de poboación: Bazarra, Carbaliza, Estorde, A Granxa, Guimareu, Sembra, Toba e O Vilar.

Parroquia de contrastes na que atopamos lugares de alto interese como a Praia de Estorde, con bandeira azul e cámping, ou a Igrexa de San Adrián, con área recreativa e conxunto de muíños de auga. A igrexa é románica, do século XII con planta de cruz latina. Nas súas proximidades atópase un conxunto de sete muíños de auga restaurados en parte nos últimos anos, nun entorno de gran beleza e acondicionado para o descanso.