Se estás a buscar información sobre o Concello de Cee, tamén poden interesarche outras seccións:

Actualidade

O día a día do Concello con novas e unha axenda de acontecementos.

Directorio

Poderás ver os servicios esenciais de Cee, un listado de empresas e asociacións e un listado de contactos no propio Concello.

Documentos

Nesta sección podes descargarte impresos e documentos de utilidade.

Áreas de Goberno

Visita esta sección se queres saber máis do Servicio Municipal de Deportes, da Área de Educación, Cultura e Xuventude e os Servicios Sociais do Concello de Cee.

 

Historia de Cee

Igrexa de Cee
Igrexa de Cee

Cee conta con vestixios de poboamento desde moi antigo. As mámoas atopadas en San Pedro Mártir e Bermún datan do 4500 - 2500 a.c.

Os pobos prerromanos que poboaron estas terras foron os nerios, dos que temos constancia polos restos dos castros atopados en O Son, Vilar de Toba, Bermún e Lires.

Idade Media

Na Idade Media, hai referencias ao redor do século XII que falan de Cee como unha pequena vila agrícola que comezaría a crecer pola presencia nela do arcediano de Trastámara, que construíu nela a súa residencia señorial. A vila foi abríndose ao mar de vagar ata facer del un ben económico.

Como exemplo de románico contamos coa Igrexa de Toba (s. XII) e como exemplo do gótico contamos coa propia Igrexa de Cee (na súa capela maior).

Idade Moderna

Na Idade Moderna, a vila de Cee vaise consolidando como un núcleo de poboación importante. O casco antigo déixanos entrever como era a arquitectura da época, con casas de pedra labrada integradas nun contorno de rúas estreitas, e pequenos patios e prazas.

Casa Mayán
Casa Mayán

Desta época datan moitos dos lugares de interese de Cee, dos que podemos destacar o Campo do Sacramento (onde está emprazada unha Virxe da Piedade que pertencía a unha antiga capela adicada a Magdalena), as igrexas de Pereiriña, Brens, Lires e Ameixenda, a Casa Mosteirín (edificio residencial do século XVIII) e o pazo de Cotón, exemplo magnífico do barroco galego.

Tamén desta época é o Castelo do Príncipe de Ameixenda, que tomou o seu nome do que fora rei, Carlos IV. Este castelo formaba parella co do Cardenal, situado en Corcubión, ao outro lado da ría, e tiña unha misión defensiva da ría.

Un dos persoeiros máis relevantes da historia da vila foi Domingo Antonio de Andrade (1636 - 1712), excepcional arquitecto e escultor que traballou na Catedral de Santiago de Compostela, na escaleira de caracol de Santo Domingo de Bonaval, o baldaquino da Catedral de Ourense, etc.

Idade Contemporánea

A época contemporánea ábrese coa invasión francesa de abril de 1809, que deixou un rastro de morte e destrución na vila. Esto uniuse á crise das pesquerías de mediados do XIX, e provocou a emigración de moitos veciños da vila. Un exemplo foi D. Fernando Blanco de Lema (1796 - 1875), que fixo a súa fortuna en Cuba e donou gran parte dela para a construción dun colexio (inaugurado en 1886) que segue sendo agora mesmo un importante referente cultural da vila: o Museo Fernando Blanco.

Este museo atópase no Paseo da Alameda, un dos lugares máis interesantes da vila, engalanado con preciosos edificios do século XIX, como a Casa Mayán, de estilo tradicional con galerías e balcóns, ou do século XX, como a Casa Guillén ou a antiga casa rectoral que acolle actualmente a sede da Escola de Música Municipal.

Novo Mercado Municipal
Novo Mercado Municipal

Actualidade

Actualmente Cee é un centro de servicios na Costa da Morte, contando co Hospital Virxe da Xunqueira, gran cantidade de locais de ocio (hoteis, restaurantes, pubs, discotecas...), e unha importante oferta cultural, educativa e deportiva. Ademais, Cee conta cunha ampla variedade de praias, como a de Gures, que pola súa situación ao abrigo dos ventos é moi concurrida, ou a de Estorde, que conta con Bandeira Azul ademais dun cámping nas proximidades. Finalmente podemos destacar a praia de Lires, que consta dun amplo areal partido en dous pola desembocadura do río Castro.

A oferta ao visitante complétase coas fermosas áreas de descanso coa que conta a vila. Os seus accesos están ben sinalizados e podemos visitalas en A Ameixenda, Toba, A Pereiriña, Tedín, A Canosa (Lires) e no paseo marítimo de Cee. Todo esto, xunto cunha ampla oferta hoteleira, convirte a Cee nun lugar idóneo para visitar a vila e toda a Costa da Morte, que conta con innumerables lugares de extraordinaria beleza: Monte Pindo, Igrexa de San Marcos en Corcubión, Santuario da Virxe da Barca e do Cristo de Fisterra, Castelo de Vimianzo...